Atletas de Moaña

As e os atletas de Moaña non podían faltar nesta pequena bitácora. Algúns dos nosos alumnos e alumnas quixeron realizar unha serie de entrevistas a atletas da nosa vila para recoñecer o seu esforzo. Seguro que moitos e moitas destes deportistas servirán como exemplo de entrega e traballo duro ao noso alumnado.

 

SARA AROSA, lanzamento de martelo

 1) Como foron os teus comezos?

Eu inicieime participando co colexio de Quintela nas olimpíadas escolares que se organizan en Moaña. Nun comenzo, o colexio elexírame para a marcha, pero un día, mentres adestrabamos no campo de fútbol, Fernando Paredes invitoume a probar a lanzar uns tiros co peso, iso gustoume e finalmente competín coma invitada no lanzamento de peso. Deseguido preguntáronme se quería empezar a adestrar lanzamentos e aí foi cando entrei no mundo do atletismo.

2) Cal foi o teu maior logro?

Pois acadei varias medallas nos campionatos de España e batín algunha marca galega, pero o maior logro penso que foi acudir coa selección española de atletismo a un campionato internacional de lanzamentos longos en Francia.
3) Cóntanos algunha anécdota simpática que che ocorrese.
 
Pois agora mesmo non se me ocorre ningunha, hai moitos bos momentos con xente estupenda que vas coñecendo polo camiño, pero si que recordo o meu primeiro campionato de España en Albacete, era a miña primeira proba importante e estaba moi nerviosa e un pouco perdida, aquilo era todo novo para min. Eran as nove e media da mañá e eu estaba quentando pola herba e de repente empeza a soar a todo volume a canción de "Carros de lume"  e foi unha sensación súper especial!

4) A que atletas admiras?

Pois non teño ningún atleta preferido. Valoro moito a toda a xente que se dedica a este deporte, porque o feito de practicalo permíteme facerme unha pequena idea do que esa xente adestra, se sacrifica, loita e sofre para estar aí. Realmente admiro a xente que pese a non ter un grupo de adestramento que tire de ti, pese ás lesións, pese a non ter as mellores instalacións, pese a todas as posibles adversidades que se poidan presentar,  seguen pelexando e loitando por alcanzar os seus soños, as súas metas. O que moita xente descoñece é que no deporte, detrás dun momento de gloria e felicidade hai outros moitos momentos de loita, sacrificio e sufrimento.

5) Segues en activo?

Si.

6) Que consellos lle darías a un/unha atleta que comeza?

Aconsellaríalles que aprendesen a saber apreciar as pequenas cousas do día a día, pois ao final o máis importante non é o resultado que obteñas nunha competición, senón todas as cousas que se viven, se aprenden e se coñecen polo camiño.

Lucía Parcero, 2º. ESO C




FERNANDO PAREDES FERNÁNDEZ "TRIKI"


Atleta en activo no Real Club Celta de Vigo e vinte e cinco anos facendo deporte sen parar

1) Como foron os teus inicios?  

Empecei no colexio estando en 5º. de EXB; nunhas probas que fixemos para ir a competir ás olimpíadas escolares; fun o que máis lancei de todos sendo eu un dos máis pequenos. Despois, tiven que representar o colexio nestas competicións e fun gañando todas nas que participaba. Entón, collín a ilusión de seguir e o meu mestre de ximnasia mandoume  ir adestrar a Moaña baixo as ordes de Miguel Cortegoso, quen me mandou onda o especialista de lanzamentos, José Ángel Serantes, e alí empecei a adestrar con el. Empecei facendo todo tipo de lanzamentos, pero como era un pouco descoordinado, quedei coa especialidade de lanzamento de peso.

2) Cal foi o teu mellor logro?

Moitos. Coñecer a moita xente, estar con atletas de talla mundial, europea e olímpica, participar en campionatos de España de categoría Junior, Promesa e Senior, representar á selección galega de atletismo, bater marcas galegas absolutas, ser quince veces campión galego absoluto en pista cuberta e ao aire libre, e tamén, en distintas categorías, quedar cuarto de España e estar entre os doce primeiros absolutos españois que, para as miñas calidades, é digno de ver porque son baixo de estatura e de pouco peso e, comparado co resto da xente, é para flipar.

3) Cóntanos algunha anécdota simpática que che ocorrese.

Un día baixaba para adestrar e mirei unha bombona de butano na beirarrúa e quixen saltar por riba dela coma se fose un valado, pero tirei con ela e chegou rodando ao medio da estrada e non sabes o golpe que levei eu… Outra que me pasou foi que montei cun compañeiro meu nun chimpichimpi, e levanteino de máis, el caeu, abriu a cabeza e tivérono que levar ao hospital a darlle uns puntos de sutura.

4) A que atletas admiras?

A moitos, entre eles xente moi importante do Morrazo: velocistas, lanzadores, saltadores e fondistas, aos meus amigos de adestramento e adestradores. Aos meus amigos de sempre, familiares, que se non fose por eles non estaría aquí facendo este deporte. Admiro a Manolo Martínez, lanzador, e un bo amigo e persoa; a David Gómez, decatleta; a Mario Pestano, lanzador de disco; a Marta Domínguez, fondista, e a moita máis xente, pero non caben tantos.

5) Segues en activo?

Sigo en activo, despois de vinte e cinco anos facendo atletismo, e aínda a un bo nivel. 

6) Que consellos lle darías a un/unha atleta que comeza?

Ter boa saúde, non ter vicios, ter moita vontade, gañas de facer deporte, motivación, deixar de lado os malos vicios como o ordenador, a play-station… Ter moita responsabilidade se se fai deporte, gañas de traballar, non aburrirse; o deporte non aburre, é algo bonito. Facendo deporte, fanse moitos amigos pero tamén se viaxa e se coñecen sitios novos, apréndese cultura. O máis importante de todo isto son dúas palabras: traballo e vontade. Con estas dúas cousas pódese chegar a moito e conseguir os obxectivos desexados.
                                                                                
                                                                                                          Lucía Currás, 2º. ESO C


 

LAURA GRAÑA, lanzamento de martelo

1) Como foron os teus comezos?

Os meus comenzos foron en 3º. de primaria, cando me escolleron para peso nas olimpíadas que se celebraban na Xunqueira. Conseguín como resultado quedar no terceiro posto, obtendo a miña primeira medalla de bronce.
Así mesmo, en 1º. da ESO Miguel Cortegoso elixiume para facer peso nas ligas de intercolexios en Vigo, obtendo o primeiro posto. Ademais, foi Miguel quen me aconsellou a min e a outra compañeira seguir no atletismo, pero facendo lanzamento de martelo con Serantes (o meu actual adestrador). Comecei no Club Samertolameu durante seis anos.
Dende entón, xa hai nove anos que fago atletismo e lanzamento de martelo.
Na actualidade, levo dous anos no Real Club Feminino Atletismo Celta.


2) Cal foi o teu maior logro? 

O meu mellor logro foi quedar no quinto lugar, estando última no ranking da Federación de Atletismo Española, no campionato de España celebrado en Xátiva (Valencia) no 2011.
Aínda que outro dos meus logros é superarme ano tras ano.

3) Cóntanos algunha anécdota simpática que che ocorrera.

Normalmente nos adestramentos temos un bo ambiente, tanto cos compañeiros como cos demais atletas das pistas de Cangas, pero ás veces, cando se enganchaban os martelos á rede da gaiola, en vez de coller un pau ou baixar a rede colliamos e chamabamos directamente aos rapaces que están facendo oposicións para bombeiros. Era gracioso ver os bombeiros subindo a través da gaiola para coller os martelos da rede, e aínda máis volvelos chamar unha segunda vez .

4) A que atletas admiras?

Os atletas que admiro son os galegos, tanto Isaac Vicente, Nacho Fernández, Berta Castels coma as miñas compañeiras de adestramento Sara Arosa e Noelia Ferradanes.

5) Segues en activo?

Por suposto, aínda que non vou adestrar tanto coma antes debido aos estudos, pero sigo indo aos campionatos.

6) Que consellos lle darías a un/unha atleta que comeza?

Os meus consellos para un atleta que é novo nisto son que non se rinda a pesar de que non consiga todo ao principio, xa que require moito traballo e esforzo. Así mesmo, non se trata só de competir con outros atletas, senón tamén competir contra ti mesmo, superarse cada ano, non só en títulos e medallas senón tamén en marcas.
                                                                                                         Lucía Parcero, 2º. ESO C


LUCÍA PÉREZ, triplo salto

1) Como foron os teus inicios?

Pois comecei nun programa de captación que fixeron no IFEVI, pasei polo "stand" do Celta Atletismo e estiven probando altura. Despois de ir tres días seguidos, falaron comigo por se quería adestrar en Balaídos.

2) Cal foi o teu maior logro?

Podería quedarme con dous: a primera medalla de ouro por seleccións de cadete, porque á parte de ser a primeira foi a que máis disputada estivo; e o outro foi a medalla de ouro de categoría júnior que significou a culminación a unha boa temporada coa recompensa de gañar a miña praza no 8 nacións do Mediterráneo.

3) Cóntanos algunha anécdota simpática que che ocorrera.

Pois dende facer dúas probas ao mesmo tempo, a acabar o triplo e correr un 400. Pero a mellor foi unha fin de semana que xogaba o Galego de voleibol en Sada, veu  miña nai a recollerme para competir ao día seguinte en Ourense (onde fixen marca persoal pasando por primeira vez dos 11 m en triplo) e volver a Sada a xogar o último partido do campionato. Ese foi o mellor partido da miña vida.

4) A que atletas admiras?

A nivel galego quedaríame con Alfonso Palomanes, sabe competir e ten unha calidade brutal. A nivel nacional... Eusebio Cáceres, polos mesmos motivos que Alfonso.

5) Segues en activo?

Si, levo xa 8 anos en activo, estou agora mesmo adestrando en Soria cunha bolsa para ver se podemos seguir mellorando. Tiven moitos momentos de querer deixalo, pero aínda así, sigo adestrando.

6) Que consellos lle darías a un/unha atleta que comeza?

Paciencia e MOITAS GANAS DE DIVERTIRSE. O esencial é probar de todo e non esquecerte de que isto se fai por diversión, que os éxitos chegan cando traballas, pero sobre todo cando o pasas ben.

Lucía Parcero, 2º. ESO C


 

NOELIA FERRADANES, lanzamento de martelo

1) Como foron os teus inicios?

Pois unhas olimpiadas escolares. Xa sabes como é iso, primeiro empezas no cole facendo
as "probas" para ver a cal vas. Depois de aí, comecei a adestrar en peso. Así que fun,
pero díxenlle a Serantes que non me gustaba o peso, entón el díxome que probabamos co
martelo... e aí quedei. Aínda que tamén probei a facer disco pero non acababa de funcionar.


2) Cal foi o teu maior logro?

Pois supoño que o meu maior logro foi quedar campioa de España por autonomías a
primeira vez que fun. Era cadete de primeiro ano. Eu competira na categoría cadete e Sara
Arosa na xuvenil, e as dúas quedaramos campioas de España, unha pola mañá e outra pola tarde.

Non teño ningún logro maior que quedar campioa de España. Quedei outra vez campioa
de España e outras veces medalla de prata e bronce.


3) Cóntanos algunha anécdota simpática que che ocorrera.



Non recordo anécdotas graciosas... o único que se me pasa pola cabeza é unha vez que caín lanzando. Era o campionato galego absoluto en Ferrol, eu estaba así medio mal e cansada e no medio dun lanzamento, pois como que me desmaiei, non sei nin como saíu o martelo ben pola porta da gaiola. Parece ser que eu caín para atrás, din unha voltereta para atrás e fun rodando ata parar coa rede da gaiola. Eu non o recordo, seino porque mo contaron e porque vin o vídeo. O seguinte que recordo desde que estaba no círculo lanzando é a Sara e a un xuíz dicíndome se estaba ben... non lancei máis nesa proba pero... gañei co que xa tiña lanzado.
Quedara campioa galega. A min agora paréceme máis ou menos graciosa, no momento non tanto.


4) A que atletas admiras?

Aos que xa levan moito tempo e non se cansan, e seguen aí pase o que pase... Triki, Sara, Santi Ferrer...

5) Segues en activo?

Si. Fago o que podo, porque co meu horario de clases non podo adestrar tanto como me
gustaría, pero aí sigo.


6) Que consellos lle darías a un/unha atleta que comeza?

Consellos... non sei... que probe un pouco das distintas disciplinas atléticas para ver cal é a que máis lle gusta.
                                                                                                       Lucía Parcero, 2º. ESO C


 

BENXAMÍN RIOBÓ SANLUÍS

1) Cales foron os teus inicios deportivos?

Comecei aos nove anos, cando se instaura en Moaña a olimpíada escolar .

2) Cal foi o teu maior logro deportivo?

Quedar campión Galego en 400 m valados en categoría absoluta.

3) Cóntanos algunha anécdota simpática que che ocorrera na túa carreira deportiva.

Nunha ocasión, saltei menos metros en pértega que en altura.

4) A que atletas admiras?

Edwin Moses.

5) Segues en activo ?

Como atleta non, pero corro todas as mañás.

6) Que consellos lle darías a un/unha atleta que comeza?

Que comece o antes posible, se diversifique moito e que sexa constante.
                                                                                          
Noemí Santomé e Ana Rodríguez


MIGUELCORTEGOSO, adestrador


1) Como foron os teus inicios?

Como adestrador, en 1980 facendo a selección dos escolares que ían participar na 1ª Olimpíada Escolar de Reibón e na carreira de inauguración da ponte de Rande, que se fixo no Nadal dese ano.

2) Cal foi o teu maior logro?

Por equipos, un campionato galego xuvenil feminino e o terceiro posto no campionato de España de veteranos por equipos.
A nivel individual, o establecemento de varias marcas galegas e a participación de moitos/as atletas moañeses/as en campionatos de España e europeos conseguindo medallas en varias ocasións; pero o maior logro foi convencer as autoridades da necesidade e pertinencia da construción das pistas de atletismo.

3) Cóntanos algunha anécdocta simpática que che pasara.

Nunha concentración para o campionato de España escolar, os camareiros tiñan orde de non servir máis que unha ración por comensal, exceptuando os adestradores e técnicos que podíamos repetir. Nesa ocasión, o camareiro da nosa mesa debeuse estrañar de que chegara a pedirlle ata seis racións de filetes con patacas, que loxicamente non comín eu, senon que repartín na mesa dos lanzadores, que ben que o necesitaban.

4) A que atletas admiras?

Edwin Moses e Kevin Young en homes e Yordanka Donkova ou Marie-José Perec en mulleres.

5) Segues en activo?

Evidentemente.

6) Que consellos lle darías a un/unha atleta que comeza?

Que non teñan présa por especializarse nun único deporte e conquerir logros sendo moi novos.

                                                                                                             Fran López, 2º. ESO C

ANA SOLLA, salto de altura

1) Como foron os teus comezos?

Empecei a facer atletismo como actividade extraescolar cando tiña dez anos, pero non foi ata chegar ao instituto cando empecei a tomalo máis en serio. En 1º. da ESO, o profesor de Educación Física, Miguel, comezou a facernos probas a algúns alumnos para ir competir á liga intercolexios. Seleccionoume para participar na proba de salto de altura, e na competición quedei de primeira. Aí foi cando Miguel me animou para ir adestrar co equipo que el mesmo adestraba, o Samertolameu.
Cando empecei a adestrar cos demais rapaces, este deporte empezou a engancharme, e despois de sete anos, e a pesar de ter cambiado de club, sigo adestrando no mesmo sitio e co mesmo adestrador, Miguel.

2) Cal foi o teu maior logro?

Os meus maiores logros foron as medallas conseguidas nos campionatos de Galicia, tanto en pista cuberta como en aire libre, destacando o ouro que conseguín no Campionato Galego Junior de pista cuberta, neste 2012; así como todas as participacións nos diferentes campionatos nacionais. Tamén foi unha gran sorte para min ser seleccionada para competir coa selección galega nos Xogos do Cantábrico do ano 2011.

3) Cóntanos algunha anécdota simpática que che ocorrera.

Pois faime moita graza recordar as miñas primeiras competicións, cando non coñecía a ninguén, cómo me quedaba moi cortada ante as demais rapazas coas que competía... Agora xa nos coñecemos todas e hai confianza, pero ao principio non nos atreviamos a falar coas demais!

4) A que atletas admiras?

Por suposto, a Ruth Beitia, a sustentadora da marca nacional de salto de altura cun rexistro de 2´02 ao aire libre e 2´01 en pista cuberta. Ademais desta marca, conta con numerosos títulos nacionais, ademais de numerosas participacións en europeos e mundiais. A todo isto hai que engadirlle a participación nas Olimpíadas de Atenas 2004 e Pequín 2008.
Ruth ten unha traxectoria brillante e envexable, que a todos os atletas nos gustaría ter.
E por suposto, encántame ter a un olímpico como é David Gómez tan preto, compañeiro do Celta Atletismo (club moi ligado ao Atletismo Feminino Celta, ao que pertenzo actualmente). Sempre se pode aprender algo vendo como compite un profesional cunha experiencia tan significativa como a del despois de participar en dúas olimpíadas!

5) Segues en activo?

Pois a verdade é que non todo o que me gustaría. Este curso empecei na Universidade, e os estudos non me deixan todo o tempo libre que me gustaría. Só estou adestrando dous días por semana, pero a idea é que o ano que vén sexan máis.
En canto ás competicións, sigo competindo como ata agora, e a verdade é que estou bastante contenta cos resultados obtidos en pista cuberta. Agora toca preparar ao aire libre.

6) Que consellos lle darías a un /unha atleta que comeza?

O primeiro, que nunca perda a ilusión por practicar este deporte. O atletismo é duro e non sempre se obteñen os resultados que se esperan, pero das malas experiencias tamén se aprende. Hai que ser perseverante e loitar por conseguir as metas que un se propón, pero iso si, sen obsesionarse!





































No hay comentarios:

Publicar un comentario